O Megalitismo
No concello atopamos outros vestixios prehistóricos como son os monumentos megalíticos, datados aproximadamente entre o Neolítico final e a Idade do Bronce (3500-2000 a.C.). As mámoas, tamén chamadas antas ou dolmens son túmulos funerarios onde se enterraban os membros da comunidade e que actuaban como demarcacións territoriais. As pedrafitas ou menhires poden aparecer illadas ou alienadas formando círculos ou fileiras. A súa función sería a de marcar un límite ou un lugar de culto. Estes monumentos megalíticos tamén forman parte do folclore galego e se asocian co mundo dos mouros e outras lendas.
Pedrafita - Marco Novo
Esta probable pedrafita foi transformada na Idade de Media nun marco de termo. Sitúase a carón da vía que unía Ourense e Astorga, a Vereda Maiore e faise referencia a ela en diversos documentos antigos. Actualmente indica a divisoria entre os concellos de Nogueira de Ramuín, Esgos e Xunqueira de Espadañedo. Presenta gravados de cruciformes en distintas zonas da súa superficie.
http://patrimoniogalego.net/index.php/14030/2012/02/marco-novo/
Mámoas de Lamagorzos
Son dous túmulos funerarios neolíticos que se atopan no parque eólico do Sil a uns 800 metros de altitude ao lado duns aeroxeneradores e separados por uns 300 metros. Foron catalogados e sinalizados nos anos 90. As mámoas teñen un diámetro total duns quince metros e arredor dun metro e vinte centímetros de altura. Están formadas por varios ortostatos graníticos do que hai algún in situ pero a maioría están desprazados sobre o túmulo que está protexido por unha coiraza de terra e seixos albos pois nesa zona abunda o cuarzo. Se poden observar uns petróglifos nun dos ortostatos. Os gravados son dous cruciformes arrodeados de sendos circos. Posiblemente sexan posteriores ao levantamento dos túmulos e se crearan como demarcación entre dous territorios. A zona foi desbrozada por Iberdrola en tempos recentes, provocando diversos danos. Posteriormente foi obxecto dunha escavación e dun estudo arqueolóxico.
http://patrimoniogalego.net/index.php/104366/2020/02/mamoas-de-lamagorzos/
Mámoas de Moura
Necrópole formada por sete túmulos dos que catro conservan ortostatos graníticos da cámara megalítica. Tamén observamos unha coiraza lítica que cubre a cámara inda que os túmulos foron todos violados. É posible que máis enterramentos foran destruídos pola construción da estrada. Nun penedo cunha pía natural que se atopa ao lado das mámoas podemos observar o gravado dunha cruz que podería indicar a división entre parroquias e actuar tamén como elemento cristianizador do cemiterio prehistórico. Na serra da Corveira preto de Eiradela e noutros puntos co concello atopamos cruces semellantes.
http://patrimoniogalego.net/index.php/32713/2013/01/mamoas-de-moura/
A Idade do Bronce
Pénsase que os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galicia procedentes de Portugal hai arredor de 4000 anos, durante o Calcolítico ou Idade do Cobre. A Idade do Bronce caracterízase polo emprego maioritario deste metal formado por unha aleación de cobre e estaño para a fabricación de ferramentas e armas. Estendeuse aproximadamente entre o ano 1800 e o 700 antes da nosa era e desta etapa datan supostamente a meirande parte dos petróglifos do concello de Nogueira de Ramuín.
Apareceron diversos obxectos da Idade do Bronce no leito do río Sil ao seu paso polo concello, concretamente unha espada, puntas de lanza e colgante. Información nos seguintes enlaces.
A Idade do Ferro
Nesta parte de Europa abrangue dende a chegada de tribos de probable orixe céltica arredor do século VIII antes da nosa era ata a época da romanización. No concello de Nogueira de Ramuín atópanse varios xacementos castrexos datados na Idade de Ferro, algúns romanizados e refortificados na Idade Media, quizais xa na época das migracións xermánicas. A información seguinte está extraída do PXOM do concello.
Outeiro do Castro/ Outeiro do Monte
Parroquia: Faramontaos Localización: Requeixo. Descrición:Xacemento localizado no tramo medio da pequena divisoria de augas que separa o val do Loña da pequena vertente do Regueiro Grande, tributario de aquel. O castro sitúase, ademais, no bordo suroriental da penichán de Eiradela. O asentamento, de pequenas dimensións, aproveita un angosto outeiro aterrazado na súa parte superior, onde malia a espesa matogueira, obsérvanse restos de muros e derrubes. Tampouco son perceptibles fosos nin grandes construcións defensivas. Trátase pois dun castriño de escasa superficie e defensabilidade natural. Coordenadas UTM: 603409 , 4692781 Código Xacemento: GA32052001
Bibliografía: - Eguileta Franco, J Mª & García Valdeiras, M: Memoria do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do concello de Nogueira de Ramuín. Inédito. Ourense. 1997
Penedos do Castro
Parroquia: Santo Estevo De Ribas De Sil Localización: Pombar Descrición: Xacemento emprazado sobre un promontorio rochoso practicamente "colgado" sobre o canón do Sil e que sobresae na paisaxe no bordo setentrional da plataforma de Pombar, no lugar de inflexión entre esta e o precipicio que forman as paredes do devandito canón. O promontorio rochoso onde se empraza ofrece unha pequena plataforma habitable na súa ladeira SW. A zona superior, moito máis estreita, acolle as rochas onde se localiza a seguinte inscrición: + LEOVIGIL/DUX, algún cruciforme e outras citadas por Rodríguez Colmenero (1995). O promontorio é de moi difícil acceso nos seus sectores NW, N, E SW e S. Polo SE afástase do resto da plataforma de Pombar por medio dun foso e valgada. No ano 1995 foi denunciado ante a Consellería de Cultura a realización dunha serie de obras sen autorización da DXPC no castro consistentes na construción dunha pista de acceso a un miradoiro situado na croa do xacemento. Esta pista tería destruído a súa liña de murallas, ao tempo que tería deixado á vista abundante cerámica castrexa datable no s. I d.C. Coordenadas UTM: 607699 , 4696939 Código Xacemento: GA32052006
Bibliografía: - Eguileta Franco, J Mª & García Valdeiras, M: Memoria do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do concello de Nogueira de Ramuín. Inédito. Ourense. 1997 - Rodríguez Colmenero, A: Corpus de inscripciones rupestres de época roman del cuadrante Noroeste de la península Ibérica. En Colmenero, A & Gasperini, L (Eds), Saxa Scripta (Inscripciones en Roca), Actas del Simposio Internacional Ibérico Itálico sobre epigrafía rupestre. Anejos Larouco 2. Ourense. 1995
Torre da Cidá
Parroquia: San Miguel do Campo. Localización: Val do Pereiro. Descrición: Xacemento localizado na vertente meridional do Val do Miño e baixo a plataforma formada pola penichán de O Campo-Gundiás. Aproveita un promontorio con afloramentos graníticos que se ergue sobre unha pequena plataforma entre o Regato de Gundiás e un pequeno rego tributario deste pola súa marxe dereita. O asentamento, de grandes dimensións, aproveita un outeiro aterrazado cun promontorio rochoso na súa parte superior onde, malia espesa matogueira, obsérvanse restos de muros e derrubes. Aparece defendido por un fondo foso escavado no sector SE. No resto do seu contorno está defendido por fortes pendentes. Entre a densa matogueira que cubre o xacemento son perceptibles restos de murallas e derrubes de estruturas arquitectónicas. A estrutura dos mesmos, así como o seu microtopónimo, condúcenos a deducir a súa filiación crono-cultural como un castro romanizado refortificado durante a Idade Media. Coordenadas UTM: 600604 , 4693329. Código Xacemento: GA32052015
Bibliografía: - Eguileta Franco, J Mª & García Valdeiras, M: Memoria do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do concello de Nogueira de Ramuín. Inédito. Ourense. 1997
Escavacións: Téñense realizado escavacións nos anos 90 do século pasado e nos anos 20 do presente século no xacemento de Penedos do Castro.
Achados: Ao longo das diversas escavacións se teñen atopado restos de estruturas de habitación e tamén defensivas como murallas. Ademáis apareceron distintos restos cerámicos algúns con decoración xeométrica.
Outros posibles castros e xacementos prehistóricos do concello:
Castro de Costa Castelao
Localización: Baldomar, Luíntra. Descrición: Castro dubidoso emprazado na ladeira occidental da divisoria de augas entre os ríos Miño e Sil, dominando o nacemento do Regato de Viñoás. Este xacemento potencial localízase nun promontorio conspicuo a 663 msnm, sendo o sector NE (636 msnm) o máis apto para acoller unha plataforma residencial. As condicións naturais de defensa son extraordinarias por todos os puntos cardinais, agás no localizado na terraza natural que puido acoller as estruturas de habitación. Coordenadas UTM: 605062 , 4696871 Código Xacemento: GA32052025
Bibliografía: - Eguileta Franco, J Mª & García Valdeiras, M: Memoria do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do concello de Nogueira de Ramuín. Inédito. Ourense. 1997 Pendente de codificación oficial propiedade: comunal categoría: inventariado ámbito: local nivel de protección: grao III estado de conservación: malo parroquia: nogueira de Ramuín obras permitidas: ordenanza de aplicación: rústico especial protección forestal